Thursday 02 de May de 2024

Cipriano Fernández presentará no Auditorio de Riveira dous novos libros de teatro


O mestre e escritor Cipriano Fernández Fernández presentará este venres 4 de marzo, ás 20 horas, os libros de teatro A pantasma que non asustaba e O neno de chocolate.

As obras están publicada por Edicións Fervenza e contan coa colaboración do Concello de Riveira, a secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a empresa Bamarti.

Serán presentadas no Auditorio Municipal nun acto aberto a todos os públicos e no que a entrada é de balde.

Estas obras de teatro están escritas polo riveirense Cipriano Fernández e está acompañado de traballadas ilustracións da autoría de Héitor Picallo, natural de Cuntis.

No acto de presentación contarase coa participación da concelleira de Cultura Fabiola García; do profesor e xefe de estudos do colexio Galaxia, Xosé Manuel González; do ilustrador, Héitor Picallo e do autor dos textos Cipriano Fernández.

Representación teatral
A cita contará ademais coa representación da obra de teatro A profecía de Nostradamus a cargo dun grupo de rapaces do colexio Galaxia.

Cipriano Fernández Fernández naceu en Riveira (A Coruña) o 23 de maio de 1952. Estudou Maxisterio en Santiago. Exerce de mestre de ensinanza primaria –agora prexubilado– no Colexio Galaxia da súa localidade.

Desde hai aproximadamente trinta anos realiza actividades de teatro no ámbito escolar a nenos e nenas de idades comprendidas entre os oito e os doce anos.

Escribiu ao redor de sesenta obras de teatro en galego para nenos e nenas, das cales, a maioría delas foron representadas polo grupo de teatro do colexio co gallo do Día das letras Galegas, en festivais benéficos locais, e como xa é tradicional nos últimos anos, na Mostra de Teatro Infantil de Riveira.

No ano 2008 publicou o seu primeiro libro O rei Maragato estaba triste, no ano 2012 publicou o seu segundo libro A nena levantadora de pedras sagradas e no ano 2016 publica en Edicións Ferveza O neno de chocolate e A pantasma que non asustaba.